GUILLERMO PARDO / Paula Carballeira leva moitos anos contando historias por Galicia, Europa, América do Sur ou África. É actriz e directora teatral. Traballou en programas de televisión e en series de ficción. Como autora publicou máis de 25 libros. Paula Carballeira presentou onte na librería Moito Conto a súa nova obra: Nunca mascotas, orixinal achega poética editada por Galaxia e pensada para o público xuvenil.

– Que é “Nunca mascotas” e por que ese título?

– É un libro de poesía que pretende recuperar o animal que levamos dentro, unha especie de libro-totem para mirar a realidade da contorna con outros ollos, que nós chamamos irracionais, pero que recuperan a nosa parte máis emotiva. O título resume unha demanda de liberdade. A mascota está ao servizo dalguén, perténcelle a alguén, cando eu non participo deses desexos de propiedade privada.

– Estamos diante dun libro reivindicativo, o teu libro máis reivindicativo?

Coido que calquera libro é reivindicativo polo simple feito de que unha persoa adique o seu tempo a combinar palabras para expresar pensamentos nunha sociedade na que parece estar penalizada a arte. No meu caso, intento en cada libro chamar a atención sobre o que me preocupa, aínda que, se cadra, é na poesía onde esa intención queda máis clara; alén diso, neste caso en particular apetecíame falar en plural, reunindo varias voces que sintamos algo semellante.

– Pódese considerar, entón, “Nunca mascotas” coma un berro, unha consigna, unha chamada á acción?

– Claro que se pode. Hai moitas maneiras de mobilizarse, de manifestarse. Para min a máis difícil de todas é a menos aparente, a das persoas que, da mesma maneira que len un libro en silencio, loitan día a día de maneira anónima por mellorar a sociedade.

“En realidade, os humanos temos unha imaxe distorsionada de nós como xénero. Crémonos importantes”

– Tan dócil semella o comportamento humano para que se chame a atención con enunciados tan expresivos?

– En realidade temos unha imaxe distorsionada de nós como xénero. Crémonos importantes, superiores, sempre cun pé por diante, no progreso, na mellora tecnolóxica. Se non recuperamos a humildade, a conciencia do verdadeiramente importante, seremos máis fáciles de manipular e, polo tanto, de convertirnos en mascotas dalguén.

– Son máis dóciles os xoves de hoxe ca os da túa xeración, por poñer un exemplo?

– Non creo que se poida establecer unha comparación tendo en conta as diferentes circunstancias sociais e culturais. Cada xeración ten as súas características e na xente nova é onde as descubrimos de maneira máis evidente. Ser nova, ou novo, é, por definición, a antítese da docilidade.

Mascota e animal de compañía: diferencias semánticas

– O uso que fas da palabra mascota leva implícita unha lectura ou unha advertencia relacionada cunha suposta submisión feminina en ámbitos coma o laboral, o social ou o político?

– Eu non creei o xénero de “mascota”, pero si que hai unha diferencia semántica co seu sinónimo: “animal de compañía”. O animal acompaña, a mascota é unha posesión. Quizais resaltando algúns aspectos da linguaxe que empregamos (e a literatura é o medio ideal para iso) nos decatemos do tipo de sociedade que estamos construindo. Eu só reflexiono e poño por escrito as miñas reflexións, que supoño colectivas, para que as lectoras e os lectores as interpreten e as leven a onde queiran.

– Tes unha longa tradición oral como actriz de teatro, contacontos, narradora… Por que te sirves nesta ocasión da poesía para lanzar este chamado tan “animal”?

– Como che comentaba, a poesía é para min a maneira máis esencial de comunicación escrita, a que apela á nosa intimidade de maneira directa. Cando les un poema sintes o que os versos din. Nun libro sobre a animalidade, a poesía tiña que ser a canle.

– Anuncias que vas facer unha viaxe transoceánica. A onde, con que propósito?

– Vou a Costa Rica nesta ocasión, a participar no Festival de Narración Oral de Alajuela. Hai pouco estiven en diferentes lugares da Arxentina participando tamén en festivais de narración oral. En América do Sur hai moitos encontros e festivais de renome internacional onde a protagonista é a oralidade e para min sempre é unha experiencia coñecer outras culturas, outras maneiras de expresión que nacen desa necesidade do ser humano de contar o mundo.

– Algunha iniciativa literaria no horizonte?

– Sempre. Estou rematando un texto teatral e espero concluir en breve un narrativo co que xa levo algún tempo. Como ves, cada historia, cada idea, busca a súa maneira de expresarse na literatura, ou iso é o que a min me parece.