GUILLERMO PARDO / O estudio de David Pintor é unha burbulla na algazara que é a avenida de Fonteculler, un remanso de tranquilidade que se cola desde a ría do Burgo polo ventanal que serve de gran cadro naturalista a este refuxio de creatividade.

Nada máis pechar a porta tras de nós só queda a música, notas das melodías de guitarras suavemente templadas que concentran o pulso do ilustrador no papel, sobre o que uns minutos despois voará unha dereita áxil da que saíron e saen historias debuxadas e recoñecidas no ámbito internacional.

O local que ocupa David Pintor é unha antiga cafetería da que apenas quedan máis lembranzas ca unha cociña apartada do lugar en que se colorean fantasías, se inmortalizan e recrean viaxes e se debullan os miolos da creatividade.

Unha gran xeración de debuxantes

Lecturas de verano / David Pintor

Ese espazo, duns 80 metros cadrados, pode resumirse en tres zoas que ocupan uns 30: mesa de traballo, que non quita a vista da ría; unha pequena biblioteca a carón da que hai outra mesa na que descansa un emisor constante de melodías coma manantiais, e unha hamaca, un prezado tesouro no incerto discurrir do traballo diario.

O xornalista levaba unha ducia de preguntas preparadas para unha entrevista sinxela, desas que se despachan nunha hora. Mais trabucouse e mesmo subestimou, sen pretendelo, a capacidade discursiva do interlocutor, persoa reflexiva, consciente do terreo que pisa, crítico con espíritu construtivo. A entrevista acabou nunha conversa de tres horas, da que este texto non é máis ca un apañado resumo.

Mirando cara a cara a David Pintor un cre ver un trasunto de Maximiliam Schell. A faciana redonda, as poboadas cellas, o cabelo dunha negrura intensa que o ilustrador rastrexa coa man encollida para que non lle impida a visión… Sen embargo, o papel do Maximiliam Schell que dialoga co xornalista non ten nada de ficticio.

O despegue do libro ilustrado

O ilustrador reflexiona e responde sen esquivar cuestións. O profesional, a persoa, o compañeiro, o artista toman forma nas súas palabras, duras cando se trata de valorar o papel da industria editorial galega no momento en que a canteira de ilustradores da terra é máis produtiva, máis internacional. Mellor ca nunca.

– Parece que hai un despegar do libro ilustrado en xeral. En Galicia tamén?

– Sí, hai un bum e no caso de Galicia podemos falar de que hai unha gran xeración de debuxantes, en cantidade e en calidade. Penso que en ningún outro momento houbo tantos ilustradores facendo cousas tan interesantes. No suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, publico unha sección sobre ilustradores galegos que xa leva más de medio cento de entrevistados, todos de nivel mundial, sen dúbida, que están a facer un traballo excepcional.

– Aprovéitase ese bum?

– Penso que o sistema editorial galego no soubo sacar todo o proveito deste momento tan bo. Imaxinas que o Barcelona non aproveitase a súa canteira para facer o mellor equipo de fútbol da historia? Pois aquí pasou o contrario. A industria no foi quen de ver os beneficios que hai tras a canteira de debuxantes galegos. Xa sei que todas as xeneralizacións son inxustas no sentido de que sí que hai editoriais que valoran a ilustración e aos ilustradores e potencian o sector, pero non son as máis.

David Pintor tivo recentemente dous encargos vencellados a El Quijote

Un panorama desolador

– Que consecuencias ten iso para o sector e para os profesionais?

– Pois que case todos están traballando fóra, para industrias estranxeiras. Chegou un momento no que vin o panorama editorial bastante desolador. Gracias a Internet atopei posibilidades. Apéname ver como moitas editoriais galegas non valoran a eses grandes profesionais, que teñen que poñer o seu talento ao servizo de empresas de fóra porque aquí non se lles ten en conta.

– Pode ser que as editoriais non atopen lectores…

– Non sei se hai lectores, pero vexo que se están editando moitos libros, tamén ilustrados. Polo tanto, creo que hai demanda. En concreto, o libro ilustrado, cómic incluido, está ocupando cada vez máis espazo nas librerías. As máis novas editoriais españolas, pequenas pero que están a facer un labor moi interesante como Impedimenta, Sexto Piso ou Reino de Cordelia, son empresas que lle dan unha importancia á ilustración impresionante. Por que? Seguramente porque hai demanda do libro ben feito, de coleccionista. Penso, incluso, que a edición de libros en papel estase salvando precisamente grazas á ilustración.

– Emma Ríos reflexionaba nunha recente entrevista…

– Mira, aí tes, Emma Ríos, unha ilustradora magnífica. Aquí ninguén a chama para nada.

“Como é posible que tantos ilustradores galegos, recoñecidos fóra, non teñan encargos na súa terra?”

– Emma Ríos debuxa para os americanos de Marvel

– Como é posible que tantos ilustradores galegos, que traballan para mercados estranxeiros e en lingua hispana, non teñan encargos na súa terra. Hai casos moi significativos, o de Emma é un de tantos, que fan que te preguntes que pasa. Por que o mercado editorial galego funciona desa maneira? José Domingo, ilustrador nominado aos Premios Eisner -os Oscar do cómic- decíame nunha entrevista que non lle ofrecían ningún encargo en Galicia. Cando ves que os ilustradores galegos levan premios internacionais e aquí non se lles ten en conta, non queda outra que pensar que algo non vai ben. Conformismo? Medo a arriscar? Acomodación? Non sei, non teño respostas para todo. Xa digo, falo en términos xerais, porque algunhas editoriais sí apostan pola ilustración.

– Por exemplo?

– Kalandraka é unha boa mostra dunha actitude de respeto aos ilustradores. Quizá tamén falte formación artística e estética. Houbo certa formación literaria sobre escritores, pero teño a sensación de que non pasou o mesmo no ámbito artístico. Iso é un déficit que repercute no que estamos a falar. Hai editoriais que non saben quen é José Domingo, nin Emma Ríos, nin Carlos Arrojo… Haberá que analizalo máis profundamente, pero os síntomas de anomalía son claros. Outro exemplo: hoxendía hai editoriais en Galicia que editan libros ilustrados e non poñen na portada o nome do ilustrador. Iso non cabe en cabeza algunha.

A lingua como excusa

– O diagnóstico que fai Emma Ríos nesa entrevista é coincidente, en esencia, co teu, pero engadía que pese aos esforzos non hai lectores. Como o ves?

– Hai varios factores a ter en conta canto á cuestión dos lectores. Hai editoriais que rendibilizan moi ben os libros ilustrados. Quizá aquí o exemplo máis gráfico sexa Kalandraka, que soubo ver como editar produtos de calidade, pero que por ser galega está nun mercado moi feble e reducido. Aínda así soubo ampliar miras e está editando en castelán, en catalán, en italiano, en países de fala hispana. Creo que o fixo moi ben e os seus libros chegan a moitos lectores, que, dito sexa de paso, hai que buscalos.

“No vexo razóns para que un libro en galego non se poida ler en todo o mundo”

– O caso de Kalandraka pode tomarse como ilustrativo de que se precisa superar o ámbito lingüístico para chegar con garantías ao mercado?

– Penso que non hai un problema lingüístico como tal nese sentido. Os libros que facemos Carlos López máis eu están escritos en galego e logo se traducen ao castelán e a outras linguas. Creo que é posible facer libros en galego e exportalos a outros mercados. Non vexo razóns para que un libro en galego non se poida ler en todo o mundo. Sen embargo, é necesario facer un produto de calidade para que se poida competir con calquera e en calquera parte en eventos como a feira de Bolonia, a máis importante do mundo en literatura infantil e xuvenil. Falar do mercado editorial non creo que sexa moi diferente de facelo do mercado dos coches ou dos zapatos. José Domingo decíame na entrevista que semella que as editoriais non están á par dos creadores, e engadía: “Se lo están perdiendo”.

Pinto & Chinto son parella humorística en La Voz de Galicia / lavozdegalicia.es

– Se se ve tan clara esa eiva quizá sexa preciso buscar algunha solución, un estimulo que motive á industria e a esperte, se ese é o caso…

– Pode ser, pero eu non son editor e non teño claves desde ese ámbito. Outro síntoma de que as cousas non se fan ben é o caso de Miguelanxo Prado. Seguramente sexa o ilustrador galego de máis sona internacional, pero que alguén me explique por que os cómics deste autor se empezaron a traducir ao galego hai dous días, cando el é desde hai moitos anos unha figura internacional. Outro caso: Luis Davila, que fai viñetas para Faro de Vigo. O seu traballo ten unha repercusión brutal  en Galicia. Como é posible que teña que autoeditar as recopilacións das tiras gráficas que publica no Faro? As editoriais galegas terían que rifalo! Non me cabe na cabeza.

Unha asignatura pendiente

– Quizá a industria editorial galega non estea ao nivel dos ilustradores…

– Creo que, en algúns aspectos, non. Volvendo á pregunta anterior. Penso que unha das asignaturas pendientes da industria é a profesionalización. A industria editorial en galego superou con nota os momentos difíciles cando non se podía editar na nosa lingua, pero agora estamos nun momento clave, na miña opinión, no que hai que apostar forte pola profesionalización, que non se asenta só na calidade, senón en que todo o sector, incluidos os creadores, se profesionalice. Iso quere decir que firmemos contratos decentes, falemos de condicións laborais xustas, de dereitos de autor e miremos ao mundo sen prexuizos.

– A guía Coruña Gráfica (pode descargarse nesta páxina) é unha proba de profesionalización no ámbito dos ilustradores?

– Iniciativas así máis que para profesionalizar serven para visibilizar. Ese libro foi distribuido básicamente entre empresas e fíxose unha exposición aberta ao público. Calquera medida deste tipo paréceme ben.

Cambiar e explorar

– Fas debuxo infantil, caricatura, cómic… Que dificultades ten cambiar de rexistro?

– Ter tantas variables estilísticas é, en realidade, unha vantaxe. Pola miña forma de ser dinme conta desde o principio que non me gustaba facer sempre o mesmo. Empecei a traballar na caricatura e no humor político no ano 93 en El Correo Gallego, de onde pasei a La Voz, e chegou un momento en que me apetecía facer cousas diferentes. Non me vía facendo tiras de humor gráfico político o resto da miña vida. Foi nese momento no que empecei a explorar outros campos para variar de estilo e de público. Así foi como cheguei á literatura infantil, ao deseño, á publicidade, ao cartelismo, etc. Iso axúdame a reciclarme e a non aburrirme.

Valle-Inclán visto por David Pintor

– Moverse entre tantas posibilidades fai que se amplíen os recursos estilísticos…

– Máis que de recursos falo da necesidade de cambiar de rexistro para explorar e non aburrir. Date conta de que o traballo no periódico, con ser satisfactorio, ten as súas peculiaridades, e unha delas é que non podes cambiar de estilo. Tes que debuxar todos os días da mesma maneira para que o público recoñeza o estilo. Iso non me permite, como na literatura infantil, variar, investigar e adaptarme ao que se presente. Tamén é unha boa forma de fuxir desa área de confort na que nos instalamos ás veces. De maneira que cambiar de estilos é unha necesidade persoal.

– En que estilo se sinte más recompensada isa necesidade persoal?

– Non sabería decilo porque, a verdade, é que todos son moi satisfactorios. Quizá os libros de viaxes, cos que me sinto moi identifidado e son agradecidos porque sérvenme de excusa para outra das niñas grandes afeccións, que é viaxar.

Un traballo divertido

– Como se debuxa unha viaxe, que ten tanto de abstracto?

– Levo feitos catro libros de momento. Recopilo información dos lugares que visito e trato de volcala en ilustracións. É un traballo divertido, que sempre quixen facer, e que disfruto moito en todos os sentidos. Agora mesmo é para min o traballo máis satisfactorio.

– Ese gusto polas viaxes e a liberdade que proporcionan non choca coa obriga de ter que ir traballar todas as tardes e someterse a unha liña profesional definida e marcada? Supón iso para ti algunha contradicción?

– Non, unha das cousas que me aporta o traballo no xornal é a repercusión e a difusión, que é moi importante para un artista. Canto á rutina, a obriga de ir todos os días a traballar axudoume a programarme e a procurarme un ritmo de traballo. A rapidez con que obriga a debuxar un periódico é un reto que, superada a dureza inicial, acaba beneficiando. Dá oficio e axilidade mental á hora de enfrentar a ilustración dunha noticia.

“Ir e vir, cambiar, fai que sexa mellor debuxante”

– David Pintor ilustra en dúas dimensións, por así decilo. Por unha parte, apegado á realidade, e por outra volcado no imaxinario. De que maneira se complementan, se alimentan e se inflúen?

– Creo que ese ir e vir fai que sexa mellor debuxante. Unha proba diso é a evolución técnica. Se collemos as tiras que facía para El Correo Gallego e as comparamos coas que fago en La Voz hai un mundo de diferencias positivas.

– En que apreciaría esas diferencias un lector de El Correo Gallego de entón que hoxe lea La Voz de Galicia?

– Gráficamente pode verse de maneira clara, como se fosen debuxos diferentes.

Nueva York, para Alfaguara / David Pintor

– Como se percibe na práctica, estéticamente?

– Na simplicidade, por exemplo. Co tempo vólvese un máis selectivo e vai quitando adornos e cousas accesorias para limitarse ao esencial. A caricatura, que básicamente consiste en contar todo o que se poida cos menos trazos posibles, facíase con viñetas moito máis abigarradas, barrocas. Iso foise simplificando co tempo.

O humor gráfico, sen palabras

– Sinal de madurez?

– Penso que sí, que é un sinal de madurez. Por esa depuración tamén pasou o meu compañeiro Carlos Lopez. Cando empezamos en El Correo as viñetas estaban baseadas practicamente no texto. A gracia do personaxe estaba no que decía. Iso foi evolucionando ata o gag sen palabras. Tanto Carlos coma eu pensamos que esa é a esencia do humor gráfico. De feito, hoxendía case todos os chistes se fan sen palabras. Ao meu entender ese é o humor gráfico puro, o que non significa que sexa o mellor. Para min, os mellores humoristas gráficos de España son os que son quen de prescindir da palabra para transmitir a mensaxe. Pero supoño que haberá moito de tendencia niso e que cadaquén elixe o camiño que máis lle convén.

– Todos temos referentes. Cales son os teus?

– En humor gráfico, Gallego & Rey, Mingote, Castelao, Siro e Xaquín Marín. Castelao é o inventor do humor gráfico en Galicia, e Siro e Xaquín son os continuadores. Creo que calquera profesional galego bebeu desas fontes.

– Cal é agora mesmo a aspiración profesional de David Pintor?

– Teño que decir con sinceridade que estou disfrutando moito da miña profesión e estou deixándome levar no sentido de que me chegan traballos moi bos, como ilustrar unha parte de El Quijote, que é un deses libros no que a calquera lle gustaría traballar. Non teño metas máis alá do que fago, quizá porque non me fai falta, que é unha sorte. Considérome un privilexiado de poder traballar para o estranxeiro e de que me chamen editoriais de todo o mundo. Sería moi pretencioso pedir algo máis.

Referentes universais

– Cando tes que enfrentarte a encargos procedentes de culturas distintas sintes a necesidade de ter que adaptarte a elas, ás súas peculiaridades? Se un periódico coma Il Corriere della Sera che pide algo, como así foi, terás que apegarte á súa realidade, non si? Se debuxas para unha editoria de Brasil, os referentes non son os mesmos aos que estás afeito…

– Prácticamente todos os traballos que fago para o estranxeiro son de ilustración infantil, polo tanto teño que abordar temas moi universais. Non fago caricatura política para fóra porque sería moi difícil, xa que obrigaría a estar informado de cousas ás que, por distancia, non teño acceso cotidiá. Levo varios anos facendo traballos para Corea, entre eles unha versión de El Principito, pero iso non plantexa dúbidas xa que se trata dunha personaxe universal. Os referentes son comúns. En Corea non me piden que debuxe personaxes cos ellos rasgados, por citar un exemplo, o que sería lóxico. Así que debuxo para editoriais coreanas como se o fixese para editoriais galegas, agás aspectos coma a arquitectura ou a intensidade nas cores, que en Brasil, por citar un caso, adoitan ser intensas e incluso especiais.

Lámina para Alicia, o personaxe de Lewis Carrol, encargo de Lapis Edizione (Italia) / David Pintor

– Literatura infantil ou para adultos? En que ámbito te desenvolves con máis soltura?

– Depende do momento e do estado de ánimo. Estou moi cómodo cos libros de viaxes, pero cando acabo necesito facer unha cousa totalmente distinta. Quizá por agotamento. Entón recurro ao debuxo infantil, e viceversa.

A paixón de viaxar

– Tiveches recientemente un encargo de Italia para debuxar El Quijote para nenos e agora traballas noutro para Anaya baseado nel. Que dificultade ten representar o que probablemente sexa o personaxe literario máis caricaturizado?

– Quizá a imaxe que todos temos de El Quijote sexa a clásica, a de Doré. Mais hai moitos referentes e por iso mesmo non resulta tan difícil. Sí o é, sen embargo, el Principito, que segue sendo tal e como o debuxou Saint-Exupéry. Non hai prácticamente outras fontes, de maneira que afrontei o traballo coma se fose algo novedoso.

– Falabamos antes dos libros de viaxes, unha das túas paixóns. Tes catro: Lisboa, Compostela, Barcelona e Cidades de papel, con debuxos de diferentes urbes. Tes algún outro en perspectiva?

– Sí, sobre Venecia. Estiven alí un par de veces e agora estou no proceso de ordenar a información. O libro sairá en breve.

– Utilizas criterios concretos para elexir as cidades que vas debuxar ou eses proxectos xurden espontaneamente?

– Inflúen varios factores. O primeiro é que a cidade me resulte atractiva e a coñeza. As que están publicadas sabía que daban para un libro, outras son moi pequenas e outras, sen embargo, non se adaptan ao que eu quero facer. Outro factor clave é que a cidade lle interese á editorial, neste caso Kalandraka, que é quen os edita.

Lámina do libro de viaxe de David Pintor por Lisboa / kalandraka.com

Os soportes dixitais na ilustración

– Debuxas sobre papel. Nalgún momento pensas utilizar soportes dixitais?

– Hai moito tempo que coloreo con ordenador, que é un instrumento máis. Coñezo varios ilustradores que xa non tocan o papel, que traballan con tableta e outros aparellos. Debe ser moi cómodo. Imaxínate pasar de ter unha mesa chea de acuarelas e demáis ferramenta a ter só una tableta con lapis óptico e que poidas debuxar en calquera sitio, en calquera país, sen ter que levar bártulos…

– Sí, pero o traballo artístico non perdería esa parte romántica, por chamalo dalgún xeito, de mans manchadas, o queixume das pinturas, o son do lapis sobre o papel… É decir, se lle sacamos os materiais que activan os sentidos, perde esencia a arte?

– Se sigo a facer o meu traballo sobre papel non é por romanticismo, senón porque non me gusta debuxar nun cristal. O trazo non é o mesmo, aínda que os aparellos son cada vez mellores. Estou convencido de que iso irá a máis e seguramente dentro duns anos a maior parte de nós traballará nun soporte dixital, que probablemente terá unha textura moi semellante á do papel. O que probei ata o de agora nese tipo de soportes non consegue que me sinta cómodo coma co papel. Colorear por ordenador, sen embargo, dá unhas posibilidades enormes canto a composición.

David Pintor, caricaturista político

– Que o traballo dos ilustradores circule por Internet non devalúa a obra?

– Iso vai ligado a que os contidos dos xornais tamén circulen gratuitamente, un problema bastante importante que non sei de que maneira se pode resolver. Niso están as empresas, en como rendibilizar o seu produto. Supoño que as solucións son difíciles.

– Falamos de proxectos profesionais, pero non dos personais. Que che pasa pola cabeza?

– En realidade non teño ningún. Estou moi tranquilo e satisfeito e intento disfrutar da vida todo o que podo, e creo que o consigo. A miña aspiración, en todo caso, é seguir facendo o que fago. Vivir do meu traballo, que me encanta. Ilustrar libros interesantes e seguir viaxando.

“O peor que lle pode pasar a un caricaturista é que a actualidade sexa aburrida”

– A caricatura política, na que eres experto, está a vivir momentos interesantes e intensos. Son agora, nestes intres, os políticos españois máis caricaturescos e caricaturizables ca noutras épocas?

– O peor que lle pode pasar a un caricaturista é que non teña materia, que a actualidade sexa aburrida. Iso ocorre normalmente no verán. Pero levamos uns anos, pola crisis en xeral e a corrupción, moi produtivos para calquera caricaturista. O ambiente é moi propicio para os humoristas gráficos.

– Cal che parece o político español máis caricaturizable?

– Rajoy, sen dúbida. Dá moito xogo. El mesmo fai humor moitas veces.

Pinto & Chinto ilustraron en La Voz de Galicia o “Circo nacional” postelectoral / lavozdegalicia.es

– Non é Pablo Iglesias cada vez máis un personaxe caricaturesco?

– Penso que todos se volven propensos á caricatura. Cando unha persona empeza a ter erros ou flaquezas dá máis xogo. A maior parte dos políticos acaban sendo carne de caricatura.

– Que tal se dá Pedro Sánchez?

– Resúltame difícil debuxalo porque fisicamente non aporta claves. Creo que non me pasa a min só, porque aínda non vin unha boa caricatura de Pedro Sánchez.

– Cal pode ser o motivo?

– Hai quen di que é demasiado guapo, que non ten rasgos moi definibles. Fáiseme difícil.

– Albert Rivera?

– Tampoco é moi fácil, aínda que se presta moito máis ca Sánchez. Se tivese que facer un ranking de políticos propicios á caricatura o máis doado sería Rajoy. E logo Pablo Iglesias, pese a que ao principio costoume collerlle o truco…

A intuición como clave

– Onde está o truco?

– É difícil explicalo. Non ten que ver coa coleta. Non é aí onde hai que fixarse. A clave está na expresión, na forma de poñer os ollos… É algo moi intuitivo, impresionable.

– É más doado traballar os perfís dos politicos galegos?

– Home, Feijoo é moi fácil. Seguramente pola configuración facial.

– Fraga debeu ser unha mina para os caricaturistas…

– Desde logo; e Beiras, pola súa expresividade, pola estética. Beiras é moi recoñecible. Touriño tamén saía fácil. A Leiceaga non o teño ben collido. Algúns levan tempo. A caricatura é un proceso lento. Un labor de fixarse moito, de observar continuamente.

– Un pracer falar contigo, David Pintor. Grazas polo teu tempo e moitos éxitos.

– O pracer é mutuo, pois. Grazas a ti polo interese.


Texto publicado orixinalmente en Coruña Daily News o 20 de xullo de 2016