GUILLERMO PARDO / En Coruña Magazine pensamos que facer un canto poético á nosa cidade é unha maneira inmellorable de iniciar a andaina editorial desta revista. Mais non somos poetas. Nin falla que fai. Poetas hai dabondo que se sirven da palabra para expresar a súa idea da cidade que os viu nacer, que os acolliu e os criou, da cidade que os viu partir e os garda eternamente no seu seo. 

A Coruña vive na voz dos poetas. Polo seu atractivo natural e o seu encanto, polas súas xentes, a súa luz, polo bravo Orzán, polas infancias gozadas nos seus rueiros…

É unha cidade con voz propia no firmamento das palabras, unha idea que se manifesta máis alá da realidade e proxecta unha maneira de ser, de entender a vida e de vivila que non atura comparación.

A Coruña é poesía en estado puro. Por iso os poetas recorren a ela para empaparse da que xermola no seu mar, nas súas rúas, na mariña adormecida nos mornos atardeceres, no faro iluminador de horizontes por descobrir. A Coruña na voz dos poetas é sentimento constantemente anovado.

Na antoloxía Poemas coruñeses, con textos poéticos dos séculos XIX e XX sobre A Coruña, editada en 2008 por Espiral Maior con edición de Henrique Rabuñal, apréciase claramente o sentir poético e poetizado da cidade, e, como escribe Rabuñal na presentación, “permítenos coñecer a estreita relación dos nosos escritores contemporáneos coa cidade e que a coñezamos na fermosa, vella e bela lingua galega”.

A beleza da cidade

É nisa lingua, continúa Rabuñal, na que escritores e escritoras “espellan a beleza da cidade, que se fan cronistas das súas xestas e dos seus problemas, que cantan unha e mil veces a poderosa e eterna Torre que preside inmemorialmente o noso devir colectivo, que alimentan o mito de María Pita, que indagan na súa intrahistoria, a dos barrios burgueses e a dos seus arrabaldes”. E conclúe: “A ollada do poeta é tamén profunda e auténtica”.

Na Coruña naceron Miguel González Garcés, Manuel Rivas, Olga Patiño, Emma Pedreira, Xavier Seoane, César Antonio Molina, José Devesa, Luisa Villalta, Manuel Álvarez Torneiro… Na Coruña residen Lino Braxe, Miguelanxo Fernán Vello, Yolanda Castaño, Ánxeles Penas, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xulio L. Valcárcel… e á Coruña estuvieron estreitamente vencellados Rosalía, Curros ou Pondal, flor e ambrosía da poesía galega.

A Coruña na voz dos poetas é a poesía mesma.

¡Ouh, meiga cibdá da Cruña,
cibdá da torre herculina,
de xeneracións recordo
máis fortes q’as d’hoxe en día;
cibdá que por sobr’os mares
érgue-la cabeza altiva,
cal onte nas túas murallas
o brazo de María Pita:
¿Que tes nese teu recinto,
que tes pros que te visitan,
que conecerte non poden
sin que deixarte non sintan?

Os versos deste Saúdo de Curros Enríquez, pertencente aos seus Aires da miña terra (1880), son unha boa mostra da impresión que causa A Coruña en quen lle están agradecidos. O celanovense emigrou a Cuba, de onde o trouxeron para seren enterrado en San Amaro, na cidade que cantou e amou. Curros foi o creador de A Mariquiña Puga. Despedida, quizá o himno da emigración galega, dedicado á filla do abogado Luciano Puga, que o defendeu diante da Audiencia da Coruña tras seren denunciado por herexe.

A Coruña na voz dos poetas, culta, diversa…

A Coruña na voz dos poetas é unha Coruña culta, diversa e divertida, engaiolante e bohemia, como a ve Manuel Rivas, un dos seus fillos máis nomeados:

Amo a túa espalda, cidade,
morena e descoidada
e os teus vidros de vixilia abertos ao nacente.
Non temas ao ladrón.
É a miña sombra, cidade.
E aquelo de máis alá, meu vaso roto.

Como a Sherezade que seduce e atrapa coa palabra, A Coruña aparece constantemente nas voces dos poetas que a coñeceron, como tamén nos desexos das personas que aman a lingua galega.

Aquí celebraronse, en 1861, os primeiros xogos florais de Galicia, seguindo a idea dos que dous anos antes tiveran lugar en Barcelona. Esas exaltacións poéticas, celebradas no Teatro Principal (hoxe Rosalía de Castro), deixaban claro que o galego non era unha lingua propia de xentes do rural, xa que podía ter lugar na cidade e nos actos culturais que se celebraban nos seus aforos.

López Cortón, un emigrante filántropo

Os xogos costeounos o emigrante retornado de Puerto Rico José Pascual López Cortón, natural de Cedeira, que tamén pagou a publicación dos traballos literarios presentados, aos que acompañaba unha antoloxía dos poetas galegos do momento titulada Mosaico de nuestros vates gallegos contemporáneos (Álbum de la Caridad. Juegos Florales de La Coruña en 1861. Seguido de un mosaico poético de nuestros vates gallegos contemporáneos. Edición costeada por don José Pascual López Cortón, Coruña. Imprenta del Hospicio Provincial a cargo de don Mariano M. y Sancho, 1862). No mosaico aparecen poemas de Pintos, Añón, Turnes, Valladares, Pérez Ballesteros, de Rosalía, Curros e de Pondal.

Miniñas da Cruña,
d’amabre despejo,
de falas graciosas
e pasos ligeiros,
deixá de Castilla
os duros acentos:
falade, miniñas,
falade gallego

Ao bardo de Ponteceso débese Os pinos, poema da súa obra Queixume dos pinos (1886), ao que puxo música o compositor Pascual Veiga nun traballo conxunto que se publicou por primeira vez en 1890, nun folleto dun certame musical que viña de convocar o Orfeón Coruñés Número 4 para elexir a mellor Marcha Regional Gallega. Anos despois, esa composición convertiríase no Himno de Galicia.

A Coruña, nai cariñosa

A poesía galega está estreitamente vencellada á Coruña, “nai cariñosa que me deche canto darme entón podías”, como din os versos de agradecemento de Curros á cidade que tan agarimosamente o acolleu e á que a recordada Luisa Villalta homenaxea nunha das súas composicións máis tenras:

O meu nome é o de Cidade Alta
nacido onde a luz e o ma se están orixinando
mutuamente
nacín enfrente de min mesma
cando a Pescadería era un leito de sereas
e a serpe demorada na voz dos meus avós
vento dos ventos

Cómpre non perder o extraordinario pulso poético da Coruña para que os poetas lle siga a poñer voz. Una voz que debería escoitarse sempre, en todo momento, pero quizá especialmente durante as festas da cidade, dentro do programa oficial de actividades. Sería coma revivir aqueles xogos florais dos que A Coruña, cidade de grandes cultivadores da palabra, foi pioneira en Galicia.


As estrofas citadas sacáronse do libro Poemas coruñeses. Antoloxía de textos poéticos dos séculos XIX e XX sobre A Coruña, en edición de Henrique Rabuñal para Espiral Maior con motivo dos 800 anos da cidade, acontecidos no 2008.