CDNA ilustradora cariñesa Xulia Vicente volve ás librerías cun novo cómic, Ari, cazador de dragones, unha historia de heroes antigos, de aventuras e fantasía que será presentado o venres 8 de xullo en Alita Cómics (Orzán, 94, A Coruña), a partir das 19.30 horas. Xulia Vicente comparte autoría neste caso co guionista Manuel Gutiérrez.

En Nilak, un mundo agonizante, ou tes a sorte de montar dragóns ou tes que combatelos. Para Ari, un mozo cazador, non hai besta que se lle resista, ou iso cría, até que o encontro cunha estraña xinete e o seu dragón muda a súa vida para sempre. Interpoñéndose entre el mesmo e o deslumbrante sol, un xigantesco dragón montado por unha sentinela Skayr bótase enriba de Ari. Nin os dentes e garras do réptil nin a lanza do xinete amedrentan ao rapaz, que unicamente necesita as súas espadas e a súa coraxe.

Unha historia en soidade

A historia de Ari, igual que a dos grandes heroes antigos, comeza en soidade, cos pés ben asentados e os brazos listos para a batalla na afastada terra de Ukka. E coma nos mitos, o protagonista vese obrigado a alzarse contra opresores e conspiradores guiando aos parias e os exiliados cara a liberdade.

Pero nesa loita, Ari busca algo máis: a súa propia orixe e o motivo da súa existencia. Sen embargo, hai pedras que non se deben levantar e preguntas que non se deben facer, pois baixo as primeiras e tras das segundas pódense agachar seres ponzoñentos.

Ari, cazador de dragones é un cómic de aventuras e fantasía, de batallas e heroes, de mundos novos e de seres extraordinarios. Un oasis de épica onde o lector pode deixar correr a súa imaxinación dando caza a xigantescos réptiles ou cercando castelos.

A historia trata ao lector como un personaxe activo e permítelle atar fíos e facer cábalas sobre o seu desenvolvemento. O relato, como parte que é dunha triloxía, deixa argumentos intelixentemente ocultos a plena vista que reforzan o papel do lector.

Un relato intelixente

Manuel Gutiérrez ao guión presenta un relato intelixentemente narrado froito de quen coñece moi ben o seu oficio. Consegue que a crónica de Ari sexa trepidante ata a súa última páxina e deixa entrever sombrías pasaxes polas que asoman novas historias que aumentan o ritmo e a tensión épica.

Xulia Vicente fai súa a historia desde a primeira ilustración. Cun traballo potente, cheo de matices e movemento que denotan o bo quefacer da autora, introdúcenos de súpeto nun novo universo. Non se concibe que poida haber outro Ari, nin outro Mirkyr máis que o que nos mostra esta obra.

Nada na vila de Cariño, Xulia Vicente inicia os seus estudos artísticos no bacharelato e continúa en Belas Artes na Universidade Politécnica de Valencia, que vén de rematar en 2015. Participa en diversos fanzines, coma o Arrós Negre, Compota de manatí ou Lis en Fleur, e coordina o fanzine Sacoponcho.

Publica o seu primeiro libro-novela gráfica Anna Dédalus: El misterio de la mansión quemada, xunto con Miguel Ángel Giner Bou e Núria Tamarit en 2015, e ao ano seguinte edita con La Cúpula Duerme pueblo, outra vez xunto a Núria Tamarit. Algunhas das súas historietas acadaron premios coma o Benito Losada (2013) ou o Concurso de Benimaclet (2013).


Ari, cazador de dragones
Guión: Manuel Gutiérrez
Debuxo: Xulia Vicente
Editorial Sallybooks
Cor. Cartoné. 50 páxinas
Xuño 2016. 14 euros